Unha parte esencial dos museos son as súas
coleccións e por iso consideramos que é importante ir presentándovos as pezas
que forman parte da nosa, para que nos vaiades coñecendo mellor e tamén para
que saibades de primeira man o traballo que se desenvolve no día a día dun
museo coma o noso. Periodicamente irémosvos amosando os tesouros da nosa
colección, en detalle e pormenorizadamente. Agardamos que vos guste!.
Comezaremos cun cartaz do Frente Popular para as
eleccións do 16 de febreiro de 1936. Velaquí os seus datos técnicos:
OBXETO: Cartel
Fronte Popular 16 febreiro 1936
DATACIÓN: 1936.
TÉCNICA:
Serigrafía sobre papel.
MEDIDAS:
- Soporte: 99 x 69,5 cm.
- Motivo: 93 x 63,5 cm.
No ano 1936, nun contexto político marcado pola crispación e cunha
sociedade tremendamente polarizada, os mecanismos de propaganda política, en tódalas súas
formas, coma no caso dos carteis, eran imprescindibles para que as forzas políticas fixeran chegar as súas mensaxes á poboación.
Este cartel é un documento promovido pola coalición de
forzas de esquerdas que se integraron na Fronte Popular, para conmemorar a súa vitoria
nas eleccións do 16 de febreiro de 1936.
O documento contén a imaxe de tódolos candidatos electos
a Cortes pola Fronte Popular, agrupados nas diferentes circunscricións
electorais polas que foron elixidos. No mesmo centro, en maior tamaño, figuran
os líderes das principais forzas da coalición, Manuel Azaña, Largo Caballero e
Martínez Barrio.
O cadro está presidido por unha figura alegórica da Segunda
República, unha figura feminina, que representaba a liberdade, portando o
escudo oficial e a bandeira tricolor da República. Flanqueando esta icona
aparecen destacados en ámbalas esquinas os capitáns Fermín Galán Rodríguez e
Ángel García Hernández, que lideraron a sublevación de Jaca contra a monarquía
de Alfonso XIII e a “Dictablanda” do Xeneral Belenguer, o 12 de decembro de
1930.
Nas esquinas inferiores aparecen representadas as forzas
de esquerdas que integraron a Fronte Popular, representadas por cadansúa bandeira: Esquerda
Republicana (ER), de Manuel Azaña; Unión
Republicana (UR), de Diego Martínez Barrio; PSOE, UGT, Federación Nacional de Xuventudes
Socialistas, PCE, Partido Sindicalista (PS), o Partido Obreiro de Unificación
Marxista (POUM) e a CNT, que aínda que non firmaron o pacto, mantiveron unha
postura de “non agresión”.
Na parte inferior do documento aparecen Sirval e o
Sarxento Vázquez, os líderes da Revolución de Outubro do 34 en Asturias, así
como o libre pensador
Francisco Ferrer Guardia, condenado a morte tralos sucesos da Semana Tráxica de
Barcelona, en xullo de 1909.
Ámbolos laterais do documento están enmarcados por figuras prominentes do
pensamento de esquerdas, como Karl Marx, Lenin, Pi y Margall, Pablo Iglesias, Francesc Macià e Nicolás Salmerón, acompañados dos
principios básicos do programa da Fronte, como a amnistía para os represaliados na
revolución do 34, as escolas laicas e as autonomías rexionais.
Este documento foi recentemente restaurado. Fíxose unha intervención de carácter conservativo para garantir a súa estabilidade, utilizando en todo momento materiais neutros. Todas as operacións que se levaron a cabo encamiñáronse á conservación dos materiais orixinais e da información que conteñen. Só se incorporaron materiais novos onde os criterios de conservación así o aconsellaban.
No hay comentarios:
Publicar un comentario