PEZAS DO PAZO DE TOR:
RELOXO DE PAREDE DE CAIXA ALTA,
RELOXO DE PAREDE DE CAIXA ALTA,
FEITO POR WILLIAM DORREL (Londres, 1784-1810)
Silvia Fiallega Lorenzo
Vixilante do Pazo de Tor
Ó longo da historia, a medida do tempo non
foi relevante máis alá do paso do día á noite. A partir dos ss. XIV e XV, as
nacentes sociedades urbanas e mercantís requirían dun novo ordenamento do tempo
e dos seus ritmos sociais. Os comportamentos individuais comezaron a
organizarse a partir dunha concepción pública do tempo, marcada polos grandes
reloxos instalados en campanarios e edificios civís. Coa invención do muelle
real no 1450, os pesos son eliminados. Redúcese a maquinaria dos reloxos e
prodúcese o seu tránsito do espazo público ó ámbito doméstico. Os primeiros
reloxos portátiles, constituían sino de luxo e sofisticación, eran máis
importantes polo seu refinamento estético que pola súa precisión horaria. A
minaturización dos compoñentes dos reloxos a partir do 1500 deron paso ós
reloxos portátiles.
Ter un reloxo era símbolo de poder e
modernidade e ocupaban un lugar destacado nos grandes salóns dos pazos da
época. Isto era máis importante ca súa precisión, de feito os primeiros reloxos
soamente tiña a agulla da hora, o minuteiro non se introduciu ata finais do s.
XVII, e aínda daquela, o marxe de erro podía ser de ata media hora.
A gran revolución tecnolóxica veu da man
dun inventor holandés, Cristiaan Huygens (1629-1695). No 1657 inventou o
péndulo como mecanismo de control do movemento dos reloxos, que ata ese momento
unicamente dispoñían dun oscilador ou freo de inercia sen unha frecuencia fixa.
No 1675 miniaturizou ese mecanismo e de aí xurdiu o volante con muelle en
espiral, que se aplicou ós reloxos portátiles.
En todo caso, os avances tecnolóxicos
definitivos neste ámbito veñen da man da navegación aínda no s. XVIII. Requiríase
unha precisión horaria de segundos para o cálculo exacto da lonxitude para
determinar a posición exacta do navío.
Estes avances supoñen unha idade de ouro
para os grandes reloxos de parede ingleses. De feito, a peza que hoxe vos
queremos presentar é un dos moitos reloxos deste tipo que hai repartidos polo
noso pazo, neste caso, ubicado no salón de xogos.
Esta valiosa peza trátase dun reloxo de
parede de caixa alta, feito por un dos reloxeiros ingleses máis recoñecidos do
s. XVIII, William Dorrell, reloxeiro de seu desde 1784 a 1810. William Dorrell
procedía dunha prestixiosa estirpe de reloxeiros, membros da Compañía de
Reloxeiros (“Clockmakers Company”). O primeiro foi seu avó, Francis Dorrel,
aprendiz desde 1693 e profesional libre de 1702 a 1755; a saga continuou co seu
fillo, tamén Francis Dorrell, aprendiz desde 1731 e liberado de 1755 a 1780.
William Dorrell tivo o seu obradoiro en Londres, en Bridgewater Square, de onde
saíu toda a súa produción.
Nas visitas, comentades con frecuencia a
sorprendente altura que tiñan estes reloxos. Como xa explicamos con anterioridade,
o reloxo era unha clara representación da sofisticación da familia, así que
tiña que estar ben situado, para estar perfectamente visible aínda nun salón
ateigado de xente. A diferenza daqueles primeiros reloxos de parede ou de
sobremesa, profusamente adornados para completar o gusto decorativo da casa, os
reloxos deste período tiñan un porte moito máis elegante, pensados máis para
destacar pola súa precisión ca pola súa aparencia. O reloxo, ten unha caixa de
madeira lacada pechada, está decorada ó gusto da época con motivos orientais ou
chinerías en dourado. A “Chinoiserie” foi unha moda moi estendida en tódalas
artes decorativas na Europa da segunda metade do XVIII e do XIX, como vimos
tamén na nosa vaixela de Sargadelos (mediados do XIX).
Na esfera figura o nome do reloxeiro, William Dorrel, e o
lugar de fabricación, Londres. Decorada con motivos vexetais, tamén reproduce o gusto do
XVIII na grafía dos números, así os das horas estaban escritos en números
romanos, namentres que os dos minutos e segundos son de escrita arábiga.
Como podedes ver as imaxes, as medidas
responden ós parámetros descritos con anterioridade: 240 x 50 x 28 cm.
Pola súa planta é fácil imaxinarlle un
pasado maxestuoso. “Tempus fugit” my friends.
FONTES CONSULTADAS:
- BEILBY, Ian. “English wall cloks of the 18th to 20th centuries”, en Clocks Magazine, January 2010 (pp. 15-17). http://www.clocksmagazine.com/pdfs/english-wall-clocks.pdf
- Catálogo CERES, Red Digital de
Colecciones de Museos de España, en http://ceres.mcu.es/
- FARRÉ, Eduard. “La decoración del
reloj mecánico portátil. Desde su nacimiento en el s. XVI hasta el s.
XVIII”, en http://www.eduardfarre.com/pdf/EFarre_Decoracion.pdf
- http://www.walwynantiqueclocks.com/fine-antique-clocks/d/francis-dorrell/156274
- https://mprobb.wordpress.com/2012/03/27/william-dorrell-quaker-clockmaker/
- https://www.loveantiques.com/antique-clocks/grandfather-clocks/queen-anne-chinoiserie-grandfather-clock-c1700-12349